portada_barbanha_101025_autorLAREGION

As substancias contaminantes detectadas estes días ao longo do río Barbaña, proceden da depuradora de augas residuais (EDAR) do concello de San Cibrao das Viñas. Amigos da Terra responsabiliza a este concello das continuas agresións ambientais que sufre o río e por elo esixe o cumprimento do principio de responsabilidade ambiental: “Quen contamina, paga”.

Ademais da concurrencia penal e administrativa que debera resultar dos feitos reiterados sobre o río, as administracións deben executar o mandato da Lei de responsabilidade ambiental cuio espíritu parte do principio de “Quen contamina, paga”, polo que aquel operador que contamine, estará obrigado a reparar os danos ou prexuízos ocasionados ao medio ambiente incluíndo situacións de alto risco que tamén terán a súa valoración económica. Segundo esta norma, non é necesario que se produza efectivamente o dano ambiental, senon que será tamén cualificada segundo a lei, a ameaza inminente.

 

Fonte: La Región. Vertedura río Barbaña

vertedura_barbanha_101025_LAREGION

 

No caso da contaminación ao río acaecida esta semana existe polo tanto, outra agravante probada que é a seguridade de que xa se viñan producindo verteduras ao río Barbaña e que estas viñan sendo en reiteradas ocasións denunciadas por Amigos da Terra, sen que as administracións traballaran para atallar un problema medioambiental que deu o seu resultado máis alarmante o xuño do ano pasado: máis de 17.000 especies piscícolas mortas, entre as que se atopan especies en perigo de extinción, e a desaparición do 80% da flora de ribeira.

 

En base á Lei de responsabilidade ambiental, as empresas deberán facer fronte a novas obrigacións e responsabilidades para previr e reparar os danos e prexuízos medioambientais e evitar que estes gastos continúen recaendo en fondos públicos. As empresas responsables da contaminación do río e, independentemente da responsabilidade penal e administrativa na que incorran, estarán obrigadas a reparar e devolver os recursos naturais danados ao seu estado orixinal, sufragando o total dos custos aos que ascenda a correspondente acción preventiva ou reparadora.

 

Fonte: La Región. Vertedura río Barbaña

vertedura_barbanha_101025_LAREGION2

 

Amigos da Terra considera fundamental que as administracións responsables directas do coidado do medio ambiente e da saúde das persoas, coñezan o contido desta lei de responsabilidade ambiental e a fagan cumprir ás empresas potencialmente perigosas ou susceptibles de contaminar, previndo a producción de accidentes, instrumentando novos sistemas de responsabilidade.

 

 Modificacións lexislativas ao Código Penal

 

 O vindeiro 22 de decembro aprobarase a reforma ao Código Penal de 1995 que inclúe salvedades en materia de medio ambiente: prodúcese unha agravación das penas correspondentes aos delitos contra o medio ambiente e incorpóranse á lexislación penal española os supostos previstos na Directiva 2008/99/CE, do 19 de novembro, relativa á protección do medio ambiente mediante o Dereito penal.