As ONGD Amigos da Terra e AGARESO (Asociación Galega de Reporteiros Solidarios) inauguraron onte unha nova sede en Vigo, dende a que achegarán aos cidadáns da cidade olívica o labor que realizan no eido da cooperación e da comunicación medioambiental e social. A estrea da oficina, que ten o seu emprazamento na rúa Policarpo Sanz (número 17), contou coa presenza de numerosos voluntarios de ambas organizacións, membros de outras ONGD con presenza en Galicia e de representantes públicos como a delegada territorial da Xunta de Galicia, Lucía Emilia Molares e o alcalde de Vigo, Abel Caballero.
O novo local converterase nun banco de recursos, contará cun centro de asesoramento aos voluntarios e cun servizo de asesoría xurídica, co que se pretende garantir o cumprimento do artigo 45 da Constitución Española, que establece que a cidadanía ten o dereito e a obriga de coidar e respectar o seu contorno.
Esta sede é froito dun convenio de colaboración asinado entra as dúas ONGD’s co fin de mellorar e incrementar a súa capacidade de xestión en temas de cooperación ambiental e comunicación, e conta co financiamento da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia, a través de Cooperación Galega.

Miguel Núñez
Amigos da Terra e Agareso tomaron a decisión de xuntarse para compartir recursos e duplicar os resultados nas tarefas que ambas as dúas desempeñan. Con esta decisión, ambas organizacións pretenden deseñar e xestionar estratexias de comunicación destinadas á sensibilización da sociedade galega acerca dos proxectos de cooperación realizados dende Galicia con impacto nos países do Sur e a visibilización desta realidade con especial incidencia no eido medioambiental.
Con esta sede, as dúas organizacións aúnanse para compartir recursos e duplicar os seus resultados, ao mesmo tempo que loitan por romper o tópico da competitividade entre as ONGD. Amigos da Terra e AGARESO predican co exemplo, traballando para achegar á cidadanía de Vigo cuestións de solidariedade que non chegan ao gran público, servindo como enlace entre a veciñanza da cidade olívica e os problemas medioambientais. Ademais, a poboación viguesa poderá coñecer beneficios do traballo desprendido dos proxectos de cooperación realizados polas ONGD cos colectivos máis desfavorecidos.