energia-eolica

Con ocasión do Consello Asesor de Medio Ambiente que se celebrou onte, as organizacións ecoloxistas de ámbito estatal, entre elas Amigos de la Tierra, criticaron duramente os recortes previstos nos Presupostos Xerais do Estado de 2011 ás partidas destinadas á protección do medio ambiente. Denuncian que mentres que o teito presupostario se reduce un 7,7%, o Goberno propón recortar un 32% as partidas ambientais polo que o medio resulta o principal damnificado na proposta de Presupostos Xerais presentado polo Goberno.

A prevención da contaminación e o cambio climático, que xa supoñían menos, dun 1% do presuposto do MARM, sofren un recorte do 16,2%, o programa de mellora da calidade da auga un 37,3%, as actuacións na costa un 48,9% e a conservación da biodiversidade un 47,8%. Todo iso súmase á perda continuada de presuposto levada a cabo dende 2008 nunha tendencia clara de desmantelamento das políticas ambientais. Segundo estas organizacións, todo iso é reflexo do crecente desinterese do executivo polos temas ambientais, cando a gravidade da crise ambiental mundial máis require dun firme compromiso e unha actuación urxente por parte dos países europeos.

Cambio Climático

O Presidente do Goberno presentou no seu discurso de investidura a loita contra o cambio climático como unha das tres prioridades do seu Goberno para esta lexislatura. A realidade é que en 2010 só dedicou un 0,94% do presuposto do MARM a este obxectivo e agora recórtao un 16,2% máis. A menos de dous meses do Cumio de Cancún, o Goberno presenta os presupostos máis restritivos para a prevención do cambio climático, o que supón unha pobre tarxeta de presentación internacional.

A xuízo das ONG, o Goberno debería ser consciente que a loita contra o cambio climático é o reto máis importante que ten a humanidade fronte a si e os países da Unión Europea teñen un compromiso adicional ante a comunidade internacional, especialmente se queren recuperar algo da iniciativa perdida en Copenhague. Por iso, as ONG esixen que se incrementen os fondos á prevención do cambio climático e recordan que estes presupostos son tan exiguos que tan só co aprazamento dalgunha das infraestruturas previstas para 2011, sería suficiente para non ter que recortar este apartado.

Biodiversidade

O programa de protección e mellora do medio natural sufriu un recorte do 39,4% e supón tan só un 0,89% do total ministerial. Pero se xa é pequeno o presuposto dedicado a protección ambiental, as organizacións ecoloxistas riscan de ridícula a fracción que se dedica á conservación da biodiversidade, na que apenas se investirán 23 millóns de euros, o que supón un recorte dun 48% respecto ao presuposto de 2010 e un 60% respecto a 2008. As ONG consideran totalmente inaceptable que na proposta de Presupostos Xerais desaparecese a partida dedicada á conservación das especies ameazadas.

As organizacións ambientais esixen que os fondos destinados á loita contra a perda de diversidade biolóxica se incrementen notablemente nos PGE e que se separen nun programa diferenciado, á parte dos necesarios para manter a rede de Parques Nacionais. Para iso, por exemplo, pódese aprazar “sine die” as obras de ampliación do Encoro de Yesa, unha infraestrutura cunha gran contestación social e ambiental, que terá afeccións importantes á Rede Natura 2000. As ONG recordan ademais que o artigo 5 da Lei de Patrimonio Natural e a Biodiversidade obriga ás administracións públicas a identificar e eliminar os incentivos contrarios á conservación do patrimonio natural e a biodiversidade.

Actuacións na costa

Tamén é preocupante a redución nun 50% das actuacións na costa co obxecto de mellorar o noso litoral. As ONG consideran inaceptable que sempre sexa o público o que ten que pagar a consecuencia da crise e apunta que habería que emprender máis recortes sobre os presupostos para novos regadíos ou modernización dos existentes para garantir o investimento público na costa.