presentacin2

Esta mañá foi presentada en rolda de prensa a campaña “100 km x 1 pacto= Pobreza 0” que este ano, con motivo da sinatura do Pacto Galego contra a Pobreza, está a levar a cabo a Coordinadora Galega de ONGD, da que forma parte Amigos da Terra.

Está previsto que o Pacto sexa asinado o próximo 16 de outubro por representantes dos tres partidos políticos con presenza no Parlamento galego. Este documento recolle compromisos concretos para pór en marcha medidas políticas que requiren o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM). Sobre todo, do ODM oito que se refire ao compromiso político dos países desenvolvidos na loita efectiva contra a pobreza.

Unha loita que pasa por cambiar as políticas estruturalmente inxustas que condicionan as relacións Norte-Sur en materia de comercio internacional, á débeda externa ou á calidade e cantidade da Axuda Oficial ao Desenvolvemento. Precisamente, neste último aspecto, o borrador do Pacto Galego contra a Pobreza compromete aos asinantes a «manter un esforzo en materia de Axuda Oficial ao Desenvolvemento que garanta que, antes do remate de 2017, al menos o 0´7 % do orzamento consolidado da Xunta dedicarase á Axuda Oficial ao Desenvolvemento”.

Para difundir o contido do que aínda é o borrador do Pacto Galego contra a Pobreza, ás organizacións da sociedade civil galega, en estreita colaboración coas súas organizacións socias en América Latina, África e Asia, percorrerán 100 km do Camiño de Santiago a través de 6 etapas.

O percorrido do Camiño polo Pacto será o seguinte:

  • Luns, 11 de outubro: Sarria – Portomarín.
  • Martes, 12 de outubro: Portomarín – Palas de Rei
  • Mércores, 13 de outubro: Palas de Rei – Arzúa
  • Xoves, 14 de outubro: Arzúa – Pedrouzo (O Pino)
  • Venres, 15 de outubro: Pedrouzo (O Pino) – Monte do Gozo.
  • Sábado, 16 de outubro: Monte do Gozo – Santiago de Compostela. Esta será a última e máis importante etapa prevista no Camiño e que rematará onde está previsto que se asine o Pacto Galego contra a Pobreza.

Ver actividades concretas en cada localidade

Máis información no blog da campaña