folga_xeralAnte a convocatoria dunha euromanifestación en Bruxelas contra as políticas de axuste económico e social da Unión Europea, e dunha Folga Xeral en España o próximo mércores 29 de setembro, dende Amigos da Terra consideramos que estas mobilizacións converten ese día nunha xornada clave, na que estarán en xogo elementos básicos do noso modelo social.

Se ben os recortes sociais, a supresión de dereitos laborais, e en definitiva, o retroceso cara a graos maiores de desigualdade son motivos máis que suficientes para convocar unha folga xeral, os temas ambientais non son alleos a esta xornada decisiva.

Dende Amigos da Terra opinamos que o actual sistema económico non ten en conta criterios ambientais e que é necesario frear a dilapidación de recursos naturais que estamos a vivir nestes momentos, por iso, animámoste a asinar o Manifesto elaborado por persoas pertencentes ao ecoloxismo para apoiar a Folga Xeral do 29 de setembro.

Só tes que enviar un correo electrónico a info@amigasdaterra.net e comunicarnos a túa intención de secundar o Manifesto. A firma é a nivel persoal, aínda que se pertences a algunha organización, che agradeceríamos que o incluíses ao lado do teu nome.

O movemento ecoloxista non pode permanecer á marxe desta problemática e da necesidade de mobilizarse en defensa doutro modelo económico e político.

Aquí podes ler o manifesto completo.