
Existen unha serie de actividades industrias en Galicia, como a fabricación de cemento, que constitúen unha seria ameaza no contorno ambiental onde están emprazadas. Son por iso necesarios máis controis administrativos e máis rigurosidade no cumprimento das normas que regulan estas materias respecto ao medio ambiente.
Por iso, Amigos da Terra se dirixiu con dous escritos de petición de información ambiental, á Consellería do Medio Rural e de Medio Ambiente co fin de coñecer a situación legal e ambiental dunha empresa adicada á fabricación e transporte de cemento, situada na marxe do encoro de As Conchas, pertencente ao concello de Lobeira, en Ourense, integrante da Rede Natura 2000 e lindeiro co Parque Natural Transfronterizo do Xurés.
Fonte: Amigos da Terra. Cementeira en Ermille (Lobeira). Agosto 2010

Saber que tipo de controis ambientais existen, que inspeccións se realizan na empresa, cales son os programas de evacuación en caso de problemas, son algunhas das cuestións que precisa saber a asociación para cotexar a actividade cementeira da empresa coa legalidade.
Os efectos ambientais da produción do cemento poden ocasionar graves problemas ambientais como erosionar a área das canteiras pola extracción continua da pedra e outros materiais, o transporte desaxeitado de materiais para a súa almacenaxe, a produción de gran cantidade de pos provocados polo triturado da pedra na planta, a emisión de contaminantes ao aire…
Fonte: Amigos da Terra. Encoro de As Conchas onde se atopa a cementeira. Agosto 2010

Ditos efectos da producción de cemento non só teñen unha repercusión directa no medio ambiente senon tamén na saúde das persoas posto que as emisións ao aire, por exemplo, poden afectar ao sistema nervioso central e irritación dos tecidos do aparello respiratorio, agravando os síntomas de persoas con enfermidades pulmonares. Ademais, pode incrementar os padecementos cardíacos, pulmonares e enfermidades respiratorias agudas.
As emisións poden chegar bastante lonxe do lugar onde se xeraron por medio de correntes de aire, para logo depositarse en auga e solo. Esta contaminación afecta colleitas e plantas, e acumúlase en peixes e animais (incluíndo carne, leite e ovos), ademais de pasar ao ser humano coa inxesta dos alimentos contaminados.
No tocante á información, é moi importante a colaboración dos veciños que trasladan as súas dúbidas e temores a Amigos da Terra. Neste senso, eles dubidan da existencia de autorización para a execución da actividade cementeira en Ermille que se leva desenvolvendo uns 20 anos en monte comunal, xa que ademais como comuneiros levan tempo sen percibir cuota algunha de arrendamento do monte.