costadexo_portada

Ao longo deste verán tomáronse mostras fotográficas das prácticas realizadas por un helicóptero na Costa de Dexo, en Oleiros, espazo natural protexido. A existencia dos feitos foi comunicada por un particular a Amigos da Terra. Ambos denunciantes tramitaron os escritos oportunos para pór en coñecemento da administración esta agresión ambiental.

Os helicópteros de Salvamento Marítimo, dependentes do Ministerio de Fomento, realizaban os simulacros ou prácticas de xeito indiscriminado no interior do Monumento Natural e Rede Natura Costa de Dexo. A raíz dos feitos que presenciou o denunciante outras testemuñas comentaron que xa o tiñan realizado máis veces noutras zonas do espazo protexido.

Fonte: Sergio París, denunciante. Costa de Dexo. Xullo 2010

costadexo1

Esta zona foi protexida, ademáis de por valores paisaxísticos e da presenza de hábitats costeiros en bo estado de conservación, pola presenza de colonias de aves mariñas e rupícolas, algunhas delas protexidas. Desta maneira, a realización destas actividades, tremendamente intrusivas e impactantes, en pleno periodo de cría e a menos de 200 metros da maior colonia de cría de andoriñón real de Galicia, unha das maiores de corvo mariño cristado de toda Galicia e o Cantábrico, niños de lagarteiro, choia,… supón un impacto grande sobre o espazo incumplindo normativa ambiental.

A maiores, os feitos non están amparados nin autorizados polo servizo de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia, segundo comunicaron, quen deben outorgar autorización para a realización de certas actividades en espazos protexidos. En canto aos simulacros realizados polo helicóptero, Amigos da Terra entende que son actividades non autorizables nunca e que cómpre a pescuda de alternativas para levalas a cabo en espazos menos sensibles ambientalmente.