
Amigos de la Tierra considera que os responsables destes actos son o Goberno e a industria que impoñen os transxénicos.
Ante os actos de protesta que se produciron en varios campos experimentais de transxénicos os últimos días, Amigos de la Tierra, que fixo pública a súa localización exacta a nivel de parcela hai unhas semanas, quere reiterar o dereito da poboación a coñecer a situación destes experimentos, ratificado polo Tribunal Europeo de Xustiza.
Así mesmo, Amigos de la Tierra considera que, fronte a unha lexislación que non protexe dereitos básicos, que deixa desamparados legalmente a consumidores, agricultores e vítimas de contaminación, que non escoita á sociedade, e ante a absoluta falta de transparencia e control, estas protestas son accións en defensa do medio ambiente, a saúde pública, o medio rural e os dereitos dos consumidores e consumidoras.
Mentres que países como Reino Unido, Portugal ou Alemaña publican a situación destes ensaios nas súas páxinas web, en España tivo que ser Amigos de la Tierra quen publicou a súa localización exacta a nivel de parcela o pasado 6 de maio . Estes datos foron obtidos tras anos de solicitudes e reclamacións ante o valedor do pobo, e foron facilitados grazas á sentenza favorable do Tribunal Europeo de Xustiza de febreiro de 2009.
“Os transxénicos estanse a liberar ao medio e estanse a introducir na nosa agricultura e alimentación malia a oposición social maioritaria” afirmou David Sánchez, responsable de Agricultura e Alimentación de Amigos de la Tierra. “A súa introdución impide que as persoas consumidoras poidan elixir unha alimentación libre de transxénicos e que os agricultores e agricultoras poidan cultivar sen verse contaminados, con riscos e impactos ambientais e para a saúde. “
A situación dos transxénicos en España é especialmente grave, cunha absoluta falta de transparencia e control xa que:
- A lexislación non ampara aos agricultores e agricultoras, impedindo adoptar ningunha medida para protexerse da contaminación e imposibilitando que se poidan denunciar os danos producidos.
- A lexislación non ampara as persoas consumidoras no seu dereito a elixir unha alimentación libre de transxénicos, xa que entran na nosa dieta sen que exista información axeitada.
- España é o único país da UE que cultiva transxénicos a grande escala mentres outros os prohiben sobre a base dos seus impactos ambientais, incertezas para a saúde e imposibilidade de evitar a contaminación da agricultura convencional e ecolóxica.
- España acolle o 42% de todos os experimentos con transxénicos ao aire libre que se realizan na Unión Europea. Isto foi posible grazas ao escurantismo deliberado do Goberno e a imposibilidade de veciños e agricultores de coñecer a súa localización e protexerse da contaminación.
- Os mecanismos de control e aprobación dos campos experimentais son sesgados, insuficientes e dominados pola industria.
- A situación de descontrol é tan grave que en España se venderon mesmo animais transxénicos ilegais, sen que fose detectado por ningunha autoridade competente.
- A liberación destes cultivos ao medio non está xustificada por motivos económicos, ambientais, científicos nin democráticos.
Ante esta situación, Amigos de la Tierra considera que os responsables das protestas e accións que se poidan levar a cabo contra os cultivos experimentais transxénicos son a industria, que os impón para favorecer os seus intereses fronte á maioritaria oposición social, e o Goberno pola súa complicidade e colaboración nesta imposición.
Tras publicar a localización dos campos experimentais, dende a industria dos transxénicos e as súas fundacións lanzouse unha campaña de intimidación contra Amigos de la Tierra por exercer o dereito ao libre acceso á información ambiental.
”Non imos permitir que se nos fagan falsas acusacións, nin criminalizar ao movemento de oposición aos transxénicos. O debate importante non son estas accións, senón o contexto de imposición e indefensión xurídica fronte aos transxénicos. Se alguén quere buscar responsables, sería mellor buscalos no Goberno e na industria”, engadiu Sánchez.