
Amigos da Terra tivo acceso ao contido do Estudo de Impacto Ambiental (EsIA), o cal recolle que a fase de construción e a fase de funcionamento da obra de aproveitamento hidroeléctrico de Santo Estevo II, serán “compatibles” coa actividade turística.
Pese a esta cualificación, físoxe pública a designación dunha Comisión de Expertos que buscará alternativas económicas e turísticas aos catamaráns da zona, xa que esta vai sufrir durante meses a perda do negocio turístico que sustenta a práctica totalidade da economía da Ribeira Sacra, xunto coa extracción de viño. A este respecto, é moi importante que se informe sobre as tormentas técnicas locais de tipo torrencial asociadas á presenza dunha gran superficie de auga encorada e que pode facer variar as características das vides e do seu produto.
Ademais, Amigos da Terra continua pondo en tela de xuízo o contido da Declaración de Impacto Ambiental (DIA) xa que nesta só se recolle a previsión da afección ao turismo procedente de molestias aos visitantes polo paso de camións, pero non se prevé a falta de funcionamento durante meses dos catamaráns polas obras hidroeléctricas no río Sil, nin se sinalan as medidas correctoras a esta situación.
Pola súa parte, a Ministra de Medio Ambiente, Elena Espinosa, continúa xustificando a obra de Santo Estevo II no interese xeral cando xa é público o propósito de Iberdrola de exportar a Portugal a enerxía producida e redundando os beneficios económicos na propia empresa e nas administracións outorgantes das licenzas. Neste senso, Amigos da Terra lémbralle á Ministra que os conceptos de utilidade pública e de interese xeral non son cláusulas retóricas senón auténticos conceptos xurídicos que vinculan aos poderes públicos. O concepto de interese xeral é un canon limitador que se precisa no momento da súa aplicación, non permitindo unha vanal interpretación ou unha invocación meramente caprichosa capaz de lexitimar calquera solución.
Finalmente, o colectivo ecoloxista continúa indagando sobre o presunto incumprimento por parte de Iberdrola do pago do tributo ecolóxico que regula a Lei 15/2008, do 19 de decembro, polo que se someten a tributación os efectos medioambientais causados sobre a flora e a fauna das canles dos ríos, os efectos sobre a calidade das augas e sobre os vales asociados ao ecosistema fluvial, e a realización de determinadas actividades que empregan augas encoradas, co obxecto de paliar os “custos que actualmente son soportados pola colectividade”, recolle a Exposición de motivos da Lei.
Ante esta situación, Amigos da Terra lamenta que a Fiscalía arquivara as denuncias presentadas por diferentes colectivos xa que o proxecto de aproveitamento hidroeléctrico de Santo Estevo II adoece de certas irregularidades que deberan ser investigadas máis profundamente.