foto_osos

Amigos da Terra remitiulle á Dirección Xeral de Conservación da Natureza un escrito de petición de información ambiental para saber cal é o seu posicionamento respecto á situación legal dos animais en Galicia.

Fonte: Vigozoo

A anterior Dirección Xeral deixou en trámite de espera, a publicación do borrador da prometida Lei de Protección e Benestar Animal de Galicia. Foron numerosos os colectivos ecoloxistas que, como Amigos da Terra, esperaban a citada publicación xa que ademais o anterior conselleiro de medio ambiente, anunciara publicamente a aprobación oficial da lei.

A norma xurídica en vigor é un texto do ano 1993 que pouco ten que ver coa realidade que demanda a sociedade respecto á protección e defensa dos animais. Pero non só os cidadáns esixen un cambio da norma, senón que dende Europa se obriga aos Estados membros a adecuar a lexislación protectora dos animais a unha defensa dos mesmos máis ampla e que garanta o seu benestar. Neste sentido, agraváronse as penas e sancións para aqueles propietarios irresponsables e para aquelas entidades que posúan algún tipo de establecemento no que se empreguen animais: centros zoolóxicos, principalmente, a través dunha Directiva de 1999 (1999/22/CE) que tiña que trasporse ao ordenamento xurídico español no 2002. O resultado da trasposición foi a Lei 31/2003, do 27 de outubro, de conservación da fauna silvestre nos parques zoolóxicos.

A este respecto, Amigos da Terra ven de enviarlle ao concello de Vigo un escrito de petición de información para saber en que medida está a dar cumprimento aos contidos da Directiva no zoolóxico vigués. A Directiva esixe que se efectúen inspeccións, por parte do órgano competente da Comunidade autónoma, para asegurar cos animais viven en situacións axeitadas e que os parques zoolóxicos contribúen a obxectivos de educación e conservación.

No ano 2007 a Comisión Europea abriu un expediente a España porque once Comunidades autónomas, entre as que se atopaba Galicia, incumprían reiteradamente o mandato da norma. Por iso, un ano despois en vista do caso omiso que fixo o Estado, enviou un dictámen motivado que é a fase anterior á imposición dunha multa por incumprimento legal.

A sociedade debe mantér un posicionamento férreo respecto ao control do cumprimento das administracións sobre o coidado dos animais, xa que estes, ao igual cas persoas, teñen dereitos.

Nova relacionada cos Zoos galegos publicada por El País o 14 de outubro. Pincha aquí

Nova relacionada do Faro de Vigo. Pincha aquí