
Amigos da Terra denuncia a falta de interese de socialistas e de populares cara a defensa animal e apela á sensibilidade da maior parte da sociedade que reiteradamente se manifesta contraria á celebración de espectáculos nos que se torturan animais.
As cuestións relativas aos animais, moitas delas tradicionalmente polémicas, plantexan a necesidade de ampliar os límites da ética humana de cara á xustiza para os animais. Ética, que pola contra, non parece asumirse polos gobernantes do Estado español que contribúen a respaldar multitude de execucións animais baixo a cruenta denominación de “festa tradicional”. Pero non é unha festa, é un negocio.
Na sociedade española actual, non tan avanzada como a europea no eido da lexislación, obsérvanse síntomas dun desexo de avanzar cara unha equiparación con outros países pioneiros na consideración ética cos animais. Na actualidade e de forma individual, son moi numerosos os intelectuais de gran prestixio, como escritores, filósofos, profesores universitarios que, xunto a protectoras de animais, organizacións non gubernamentais e cidadáns se mostran contrarios ao uso de animais para o disfrute minoritario dun sector poboacional insensibilizado co sufrimento de seres vivos.

En España existen ao redor de 300 festas que involucran tortura e morte dalgún animal non-humano. Estas mortes son amparadas de xeito legal por normas que non reflicten o sentir da maioría da poboación. Queda evidenciado que a clase política non vai lexislar a favor da protección dos dereitos dos animais, senón que vai rehuír as súas responsabilidades políticas evitando unha profunda reflexión que a maioría dos cidadáns esixe: a valoración ética nesta materia porque o sufrimento gratuíto dun animal é inxustificable.
Amigos da Terra esixe a prohibición legal expresa das festas con participación de animais nos que o sufrimento físico e psíquico destes está sobradamente verificado por expertos, quedando fora as opinións necias dos políticos. A regulación de medidas que teñan como obxectivo acabar coa actual indefensión legal dos animais será un reflexo da atención aos mesmos. O contrario só responde á ignorancia do pobo e á ineptitude dos representantes políticos que non son quen de regular a precaria situación dos animais.