
Dentro da Semana Europea da Mobilidade, hoxe celébrase o Día sen coches, que baixo o lema “A cidade sen o meu coche. Mellora o clima da túa cidade”, quere concienciar á cidadanía da necesidade de cambiar os nosos hábitos de mobilidade, como un dos sectores nos que hai que tomar medidas para facer fronte ao Cambio Climático. Xa que o sector do transporte é un dos que máis contribúe ás emisións de gases de efeito invernadoiro (GEIs).
A orixe dunha semana adicada á mobilidade remóntase a 2002, ano en que a UE comezou a promover esta iniciativa, tendo en conta os datos alarmantes de aumento do uso do transporte privado por estrada, deixando en evidencia a necesidade de actividades de concienciación.

Emisións de CO2 por sectores UE-27 (2006)
A nosa dependencia excesiva do uso do coche é un hábito que pouco a pouco teremos que ir relegando, tanto pola nosa excesiva dependencia dos combustibles fósiles (recurso esgotable), como polos efectos nocivos da queima dos mesmos para o cambio climático, e para a nosa saúde (neste caso non só polos fumes, se non tamén pola contaminación acústica). A idea é promover unha mellora nos servizos de transporte público, así como acadar un maior compromiso por parte dos cidadáns cara a un maior emprego dos mesmos, e tamén da bicicleta e da marcha a pé…moito máis saudables! Non nos esquezamos que seguimos a ser dos países a cola de Europa no uso da bicicleta no entorno urbano, a pesares de ter unha climatoloxía moito máis suave que a maioría destes países.
Co motivo deste día, hoxe no concello de Ourense celebrarase una bicicletada que dará saída ás 19h da rúa Florentino Cuevillas. Dende Amigos da Terra animámosvos a participar. Nós estaremos nesta mesma rúa (fronte ao Novo cine) dende as 18h cunha mesa informativa sobre mobilidade e cambio climático así como co test da pegada de carbono.
Ademais, aquí tedes o gañador da terceira edición do Concurso Internacional de curtametraxes online pola Cultura da Sostenibilidade, Walinfredo Kowakatsi, o traballo do arxentino Ismael Julián Naim, no que critica o excesivo uso que facemos do coche.