
Hoxe celébrase o Día Internacional da Protección da Capa de Ozono, instituído en 1995 polas Nacións Unidas como conmemoración da firma do Protocolo de Montreal en 1987, asemblea na que todos os países do mundo decidiron tomar medidas inmediatas en torno as sustancias que afectan á capa de ozono.
Esta data constitúe así mesmo, unha oportunidade para sensibilizar á opinión pública sobre este grave problema, responsable de millóns de casos de cáncer, cataratas, melanomas de pel, ademais de producir danos ambientais e alteracións climáticas que poñen en risco a continuidade do noso planeta.
A capa de ozono é un estrato gasoso, que filtra a luz solar e impide que os efectos nocivos da radiación ultravioleta se manifesten na superficie da Terra, preservando a vida no planeta, por iso é tan importante para o ser humano protexela.
Ti tamén podes contribuír a súa preservación. Antes de mercar un produto en aerosol ou spray, un extintor portátil ou un aparato de refrixeración (neveira, aire acondicionado, conxelador, etc), fíxate na etiqueta se contén ou utiliza gases fluorocarbonos como CFC ou Halones), e así poderás seleccionar aqueles que non danan a capa de ozono.