
A petición de información ambiental, baseada na lexislación que ampara este dereito, xa fora realizada no ano 2006 e dirixida á Consellería de Sanidade, pero nunca foi resolta.
A información solicitada recollía os seguintes extremos: cal sería a repercusión da construción do hospital sobre o humidal Bugallo, xa que o propio PXOM vigués facía especial mención á Protección Especial de Enclaves Naturais, entre outros, as zonas húmidas; cal era a previsión de métodos que existían para evitar a contaminación do río Barxa, ubicado na zona; localización dos mananciais que puideran desaparecer consecuencia directa da entrada de maquinaria de construción; a copia da Declaración de Impacto Ambiental e, en definitiva, todos os datos que mantiveran relación directa co proxecto e potencialmente causantes de impactos ambientais negativos.
Fontes: denunciante. Beade. Setembro 2009

A información ambiental solicitada reincide na petición de información que no ano 2006 o colectivo ecoloxista xa lle enviara á Consellería de Sanidade e ao concello de Vigo. A tramitación desta solicitude, responde a unha preocupación, non só da asociación ecoloxista, senón dalgúns dos veciños de Beade que, preocupados polo benestar da fauna e flora da zona obxecto de execución do proxecto, dos diversos mananciais, da existencia de miles de metros cadrados de terra de cultivo fértil, dun humidal coñecido como Bugallo, humidal que da cobixo a parrulos e garzas e refuxio de aves rapaces e doutras especies de aves, ademais de facer desaparecer innumerables especies arbóreas entre as que destacan carballos, nogueiras e castiñeiros, contactaron co departamento xurídico do colectivo para asesorarse.

Unha das veciñas afectadas, Celia Domato, di non estar en contra da construción deste cuarto hospital e entende xustificada a creación do mesmo, pero non respalda o emprazamento proxectado e dende o ano 2006, no que trasladou numerosos escritos á Xerencia Municipal de Urbanismo de Vigo, trata de saber se se previron alternativas de ubicación menos impactantes co medio ambiente.

Isto mesmo recolle a Lei de Avaliación Ambiental Estratéxica cando prevé a elaboración dun informe de sostenibilidade ambiental así como unhas alternativas razonables, técnica e ambientalmente viables, tendentes á aplicación da normativa vixente en materia ambiental.