
Terminaron as conversacións sobre cambio climático de Bonn: a administración norteamericana bloquea o avance da negociación, e a Unión Europea escóndese para non asumir a súa responsabilidade fronte á crise climática.
A administración Obama, representando ao país que historicamente maior cantidade de gases de efecto invernadoiro verteu á atmosfera, non estivo á altura da súa responsabilidade. A estratexia norteamericana pon en perigo as perspectivas para lograr un acordo xusto, equitativo e eficaz na conferencia prevista en Copenhague, Dinamarca, en decembro deste ano.
Pola súa banda, a Unión Europea, segundo emisor histórico de gases de efecto invernadoiro, non demostrou liderado nas negociacións, e en gran medida permaneceu en silencio ante a obstrución dos EE.UU. e a tímida proposta de Xapón de reducir un 8% as súas emisións por baixo dos niveis de 1990 para o ano 2020. O compromiso de EE.UU. foi aínda máis baixo que o de Xapón e propón limitar as súas emisións en 2020 aos niveis de 1990. A posición actual da UE pasa por reducir un 20% as súas emisións para o ano 2020 (30% condicionado a un acordo internacional que reverta en esforzos similares doutros países industrializados e esforzos respectivos dos non industrializados).
Os últimos informes científicos avisan de que a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro dos países industrializados debe ser polo menos do 40% de aquí a 2020, só así se poderán evitar as peores consecuencias do cambio climático.
”A elección do Presidente Obama reavivou en todo o mundo a esperanza de que os EE.UU. tomarían finalmente un papel de liderado na solución da crise climática. Lamentablemente a posición da Administración Obama recorda á que tivese durante anos a de George Bush.” comentaba Sonja Meister de Amigos da Terra Europa.
Moitas das delegacións dos países do Sur mantivéronse fortes nas súas posicións e esixiron un acordo xusto e equitativo. A Alianza dos Pequenos Estados Insulares pediu obxectivos de redución de emisións máis ambiciosos para os países industrializados, a fin de que o aumento da temperatura global permaneza por baixo de 1,5 º C. Bolivia esixiu a devolución da débeda climática ao mundo desenvolvido, e o Salvador e Paraguai pediron que o futuro acordo protexa os dereitos dos pobos indíxenas.
En relación coa transferencia de financiamento e tecnoloxía, a UE e os países industrializados non conseguiron chegar a un acordo en Bonn. Para Amigos da Terra a necesaria transferencia de financiamento e tecnoloxía do Norte ao Sur, para facer fronte á mitigación do cambio climático e á adaptación aos seus efectos, debe ser adicional e evitar que se desvíen fondos destinados á axuda ao desenvolvemento, recoñecendo a débeda contraída cos países do Sur.