
“A grande esquecida da crise”, situación ambiental en Galicia
As cuestións ambientais en Galicia continúan sendo un tema secundario para os gobernos, e a actual crise económica, convértese nunha escusa para non avanzar no eido medioambiental, permitindo que continúen as agresións ao medio.
Galicia, cunha pegada ecolóxica equivalente a cinco veces o seu territorio, é un exemplo claro de insustentabilidade.
Deste xeito, o actual sistema económico que temos é incoherente e totalmente dependente das enerxías fósiles. Está baseado en sectores insostibles e especulativos como a construción, a automoción ou a pesca intrusiva, polo que é necesaria unha mudanza deste modelo de produción e consumo. Para isto, é necesario aplicar un plan de aforro e eficiencia enerxética, así como promover as enerxías renovables, minimizando os efectos destas sobre o territorio.
Así mesmo, os efectos do cambio climático, tema de actualidade, son xa visibles en Galicia. Non fai falla ver como se derreten os polos. Así por exemplo, a subida da temperatura dos océanos provocou a chegada a augas galegas de máis de 21 especies de outras zonas do planeta máis cálidas, e está tendo un efecto negativo nas especies propias da costa galega o que a súa vez inflúe na pesca e no marisqueo.
Con respecto as nosas costas, Galicia é un exemplo clarísimo de urbanización indiscriminada do litoral. A especulación inmobiliaria, que levamos sufrindo dende fai moitos anos, tapa os valores patrimoniais do contorno galego, polo que é preciso protexer de forma permanente tódolos solos non urbanizados situados a 500 metros do mar ou a 100 metros dos ríos, así como impedir novos recheos do litoral.
Entre os efectos negativos do cambio climático, aparte dos que haberá no medio mariño, atópase o aumento do risco de lumes, un problema que por desgraza sufrimos cada ano, ao reducirse as choivas e os períodos de xeadas, lumes, que serán cada vez máis rápidos e intensos e aumentarán fora dos meses de verán.
Por outra banda, a reforestación con especies foráneas de crecemento rápido, aparte do perigo que supoñen, está destruíndo o noso patrimonio forestal autóctono, de crecemento lento, pero de moito maior valor ecolóxico e económico, como son o carballo, o castiñeiro, a aciñeira ou a nogueira. Deste xeito, vemos como o 80 % da superficie forestal está ocupada por especies invasoras, destacando entre elas, o eucalipto e a acacia.
Asemade, a diversidade biolóxica está diminuíndo a un ritmo sen precedentes e detrás da alarmante situación que atravesa en Galicia, tamén se atopa a man do ser humano. A fragmentación dos hábitats é a primeira causa de perda de biodiversidade en Galicia. Así, urbanizacións, estradas, autoestradas, redes de ferrocarril, polígonos industriais, constitúen unha barreira artificial que degrada a paisaxe e resulta infranqueable para as especies animais e vexetais. A chegada da biotecnoloxía, implantando novos cultivos transxénicos, contrarios á natureza nos nosos campos, pon en risco tanto a saúde humana como a das nosas terras.
Na comunidade galega, un total de 74 especies están en perigo de extinción: 49 de flora, 8 de invertebrados, 13 de aves e un mamífero e outras 121 especies son consideradas vulnerables, polo que é necesario un cambio nas políticas do goberno autonómico para poder conservar a riqueza biolóxica da nosa comunidade.
No eido dos residuos, o sistema de produción e o modelo de consumo actuais estannos levando a un panorama no que o volume de residuos non deixa de aumentar progresivamente. Ante esta problemática parece que o novo goberno da Xunta, volve a recaer nos erros do pasado ao apostar pola incineración e a reciclaxe para facer fronte a este crecente aumento. A xestión centralizada e cimentada sobre a valorización enerxética impulsada nos últimos 15 anos foi o maior dos erros cometidos na política de residuos. Urxen novas políticas que rachen co obsoleto modelo SOGAMA e que aposten por unha xestión descentralizada dos residuos, por verdadeiras políticas de redución, pola reutilización a través da implantación de sistemas de devolución e retorno e pola recollida diferenciada da materia orgánica para ser compostada.
Podemos concluír dicindo que aínda queda moito traballo por facer para mellorar a situación ambiental de Galicia, e para iso, é necesario que todos os actores, tanto da política como da cidadanía, poñamos o noso gran de area, xa que o coidado do medio ambiente é cousa de todos e cada un.
Por iso, dende Amigos da Terra, queremos chamar á reflexión e a actuación de todos/as neste día, xa que somos os factores determinantes do cambio e da solución.