A “bici voda” organizada onte pola Masa Crítica de Ourense foi un rotundo éxito, congregando a máis de trinta persoas, que participaron neste peculiar enlace entre a cidade e a bicicleta.
O acto simbólico, tivo como protagonistas a unha parella vestida de noivos sobre un tándem e aos seus invitados, que chegaron tamén en bicicleta, e que despois da cerimonia, felicitaron aos noivos con frases como, “vivan os carriis bici”, “máis bicicletas e menos polución”.
A historia da relación entre a bicicleta e a cidade de Ourense é unha historia de “malos tratos”; pese a todo, e despois de moitos anos de desencontros, esta parella mal avenida por causa duns e doutros decidiron avanzar, xurarse respecto mutuo e camiñar conxuntamente cara un futuro con menos polución, menos ruídos, máis seguridade e máis saúde para os seus habitantes, en definitiva, para facer de Ourense un lugar mellor para vivir.

Desde a Masa Crítica, colectivo no que se atopa Amigos da Terra, entendemos que, se na realidade segue a existir unha falta de compromiso político e de visión de futuro para a bicicleta como medio de transporte na cidade, temos que ir aportando ideas. Por iso decidimos representar un matrimonio peculiar, o da cidade e a bicicleta. Unha actividade lúdica e divertida coa que a Masa Crítica pretendía achegar algunhas reflexións aos que gobernan e aos que non o fan, sobre a necesidade de crear carriis – bici na cidade e fomentar tamén o uso do transporte público.

Así mesmo, recordarvos que se queredes participar, a Masa Crítica reúnese o último xoves de cada mes, ás 20 horas, fronte a Subdelegación de Goberno de Ourense. Esperámoste!