
O Club Internacional de Prensa de Santiago de Compostela, quedou onte pequeno para acoller ao gran número de persoas que acudiron á estrea en Galicia do documental sobre cambio climático, “Manual de uso para una nave espacial”, elaborado polo grupo estatal de Amigos da Terra, en colaboración cos grupos locais e subvencionado pola Ministerio de Medio Ambiente.
Representantes de colectivos ecoloxistas, sociais, e políticos, xa que contamos coa presenza do Secretario Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Justo de Benito, asistiron onte a esta estrea, na que destacou a asistencia de moito público mozo, cada vez máis preocupados pola problemática do cambio climático.
Se para a ciencia as causas do cambio climático son inequívocas, e provócano as emisións de gases de efecto invernadoiro das actividades humanas que exceden a capacidade de adaptación dos ecosistemas, as percepcións sobre o que está ocorrendo e o que pode pasar son moi diferentes segundo onde miremos. Todas as voces coinciden en que as solucións existen e en que debemos cambiar o modelo de sociedade e a forma de entender a nosa relación coa natureza, pero non todas as voces son escoitadas.

“Este documental é o gran de area que aporta Amigos da Terra, ao importante traballo que aínda hai por facer no tocante á sensibilización da cidadanía e dos políticos ante o cambio climático. Segundo os últimos informes dos científicos que constitúen o IPCC estamos nunha situación difícil que só se poderá paliar tomando medidas urxentes en canto a reducións de emisións de CO2, diminución da dependencia dos combustibles fósiles, aforros enerxéticos e cambios de hábitos. E este é o chamamento que dende Amigos da Terra queremos facer dende a Campaña S.O.S Clima e co apoio deste audiovisual, transmitirlle tanto a cidadanía en xeral como aos políticos en particular que É TEMPO DE ACTUAR”, comenta Irene Baspino, responsable de cambio climático de Amigos da Terra.
”Manual de uso para un nave espacial” nace do interese de Amigos da Terra por indagar nas experiencias e opinións de distintas persoas fronte a este reto, tendo en conta que a área mediterránea é unha das rexións máis ameazadas polo cambio climático.