
Alumnos do Máster Oficial de Dereito Urbanístico e do Medio Ambiente que se desenvolve no campus de Ourense, daranse cita esta fin de semana no Centro Educativo As Corcerizas, que Amigos da Terra xestiona na serra de San Mamede.
A necesidade de implementar os coñecementos teóricos nunhas prácticas ao aire libre, levou á Universidade de Vigo e á asociación ecoloxista Amigos da Terra, a organizar unha fin de semana na que avogados e arquitectos comprobarán a realidade da xestión dun Lugar de Importancia Comunitaria integrado na Rede Natura Europea e as construcións bioclimáticas e arquitectonicamente sustentables como son as que completan o Centro de As Corcerizas.
Integrantes da asociación, informarán sobre as técnicas de autoabastecemento do Centro a través das enerxías renovables e, sobre a necesidade de salvagarda dunha paraxe ecolóxica tan importante como é o propio emprazamento onde se sitúa. Estas actividades, virán a completar a fin de semana que traslada a clase da facultade á aula do Centro, coa presenza de poñentes como a Dra. Patricia Valcárcel Fernández ou o letrado da Xunta de Galicia, D. Antonio López Miño.
Ademais da impartición das dúas ponencias e a propia visita e estancia no Centro, realizarase un roteiro etnográfico ao pobo de Rebordechao para a xornada do domingo, que porá fin a dous días de educación, formación e ocio.