Ante as recentes declaracións do Conselleiro de Medio Ambiente, de afrontar o incremento no volume de residuos galegos a través do aumento da incineración e da reciclaxe, Amigos da Terra manifesta a súa preocupación e alerta de que estas políticas afondan nos erros do pasado.

A Directiva Marco de residuos establece que a xerarquía de xestión dos mesmos pasa en primeiro lugar pola “redución”, a “reutilización”, a “reciclaxe” e as últimas opcións serían os tratamentos finalistas como a “incineración” e o “verquido”.

Desde Amigos da Terra alertamos do erro no que incurre o Conselleiro ao manifestar que “A realidade demostrou que o modelo de Sogama foi un xeito eficaz e ambientalmente correcto de tratar os residuos sólidos urbanos” e compre lembrar que a planta é precisamente ineficaz e ambientalmente intolerable. A xestión centralizada e cimentada sobre a valorización enerxética impulsada nos últimos 15 anos foi o maior dos erros cometidos na política de residuos. Recuperar a vía da incineración supón dar un paso atrás.

Observamos con preocupación como a Consellería de Medio Ambiente, aposta pola Reciclaxe, como solución á problemática dos residuos, deixando esquecido o primeiro e máis importante eslabón da cadea e a única solución real a esta crecente problemática: A Redución. A organización ven de realizar un estudo sociolóxico entre a cidadanía galega acerca da produción excesiva de envases, cuxos resultados completos publicaranse en poucas semanas, pero no que adiantamos que unha das conclusións obtidas da análise mostra o poder de “apaciguamiento de conciencia ambiental” que ten a Reciclaxe, que favorece un discurso baleiro de reflexión dos hábitos de consumo do tipo: “A cantidade de residuos producidos, necesarios ou non, con lóxica ou sen ela, non son “ tan prexudiciais” se se depositan no colector adecuado”.

A Reciclaxe non debe polo tanto substituír os pasos anteriores: urxe así a incorporación da Redución e a Reutilización, dentro dun marco de Reflexión do consumo para evitar que unha cantidade tan elevada dos nosos recursos se convirtan tan rapidamente en residuos.

Fronte as liñas trazadas polo Conselleiro, Amigos da Terra propón:

A reducción ante todo: O crecemento na xeración de residuos dun 3% anual e o incremento da súa perigosidade (tóxicos, electrónicos, etc.) é inaceptable. Reducir é a primeira das opcións polas que a administración galega debe apostar.
A descentralización da xestión dos residuos, especialmente os orgánicos, a través da compostaxe descentralizada, pode reducir o volume dos residuos até un 50%.
A reutilización a través da implantación de sistemas de devolución e retorno de envases debe ser a segunda das opcións para os residuos galegos, antepoñéndose á reciclaxe.