Amigos da Terra en colaboración con IDOM, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e a Consellería de Traballo e Benestar, comeza a difusión das actividades destinadas aos “Núcleos de sostibilidade”, sete experiencias piloto na comunidade galega, coas que se pretende acadar un desenvolvemento local sostible.
A primeira parada terá lugar no concello de Allariz, con dúas actividades, unha exposición sobre cambio climático e un cinefórum. Ambas actividades levaranse a cabo no Centro de Educación Ambiental “O Rexo”, situado en Requeixo de Valverde, no concello de Allariz.
Deste xeito, este centro acollerá do 18 ao 24 de maio a exposición “Cambio Climático: o noso mundo, o noso futuro, a nosa opción”.
Esta exposición, pretende dar a coñecer a todos os galegos e galegas o problema ambiental do cambio climático, informando sobre as súas causas e consecuencias a nivel global e tamén en Galicia. Ademais, intenta estimular a participación e reflexión dos visitantes propoñendo novos comportamentos comprometidos e accións positivas co clima que loiten contra o cambio climático e fomenten un desenvolvemento máis equilibrado, social e ambientalmente sostible.

O horario de atención ao público é de 11 a 14 horas e de 17 a 21 horas.
Así mesmo, e dentro do apartado de Cinefórum, Amigos da Terra, levará a cabo o 21 de maio ás 20 horas, no mesmo centro, a proxección do documental “Manual de uso para una nave espacial”, elaborado polos compañeiros do grupo estatal de Amigos da Terra e subvencionado polo Ministerio de Medio Ambiente.

“Manual de uso para una nave espacial”, fala das implicacións do cambio climático no noso entorno máis próximo. Arte, mocidade, sectores de produción primaria e sociedade de consumo son os temas nos que se centra. Está composto de catro curtametraxes enlazadas nas que se contan distintas realidades entorno a un mesmo problema e unha mesma visión de fondo: somos astronautas dunha nave espacial da que non temos manual, pero con todo debemos aprender a ser pilotos na nave Terra.
A continuación do documental terá lugar unha charla- coloquio, a cargo de Ana Belén Albo, coordinadora do departamento técnico da Fundación Axencia Intermunicipal da Enerxía de Vigo (FAIMEVI).