
A Comisión Europea ten a facultade de enviar unha “carta de emprazamento” ao Estado español por permitir as explotacións louseiras de O Courel contravindo normas comunitarias de medio ambiente, isto é, a Directiva 92/43/CEE, relativa á conservación de hábitats naturais e a Directiva 79/409/CEE, relativa á conservación das aves silvestres.
Pero tamén se viron reiteradamente transgredidas normas estatais e autonómicas, é dicir, todas aquelas normas que de forma continuada se veñen incumprindo por parte, non so dos titulares das explotacións mineiras, senon tamén pola administración que, como o Consello da Xunta ou a Consellería de Medio Ambiente ou de Industria, viñeron permitindo o exercicio da explotación sen licenzas preceptivas, sen estudos ambientais e promovendo, polo tanto, a impunidade dunha explotación que, como La Campa, verten ao río Lor acabando coa súa riqueza e variedade ecolóxica e sendo Lugar de Importancia Comunitaria, figura de protección europea.
Fonte: Amigos da Terra. Explotación La Campa. 2005
Foron numerosos os colectivos ecoloxistas de toda Galicia que, baixo a iniciativa de SOS Courel, traballaron a diferentes niveis por mostrar o seu rexeitamento público contra a confabulación das administracións coas empresas extractoras de lousa.
SOS Courel, non so se encargou de difundir a súa mensaxe de protesta incluindo concertos solidarios e videos reivindicativos para a protección da zona, senon que chegaron á via xudicial coa interposición dun recurso contencioso-administrativo no 2007.
A via administrativa é totalmente inoperante e iso vese cando os colectivos ecoloxistas teñen que acudir á via xudicial asumindo custos procesais excesivos e dirixindo accións cuia responsabilidade é unicamente da administración.
Fai 2 anos que o departamento xurídico de Amigos da Terra presentou no Parlamento Europeo, en Bruxelas, o estado no que se atopaba a paraxe de O Courel por mor das explotacións louseiras (podes ver a información premendo aquí) e SOS Courel tiña xa enviado no 2005 unha queixa á Comisión Europea polo mesmo motivo.
Na actualidade O Courel ten unha oportunidade de salvagardar os seus valores e de que se poña fin a varios anos de explotación ilegal das canteiras, explotación devastadora, producción de afeccións ambientais irreversibles, contaminación de augas, exterminio de hábitats de fauna silvestre e unha expoliación masiva xeral á natureza galega.