O pasado domingo, celebrouse en Santiago unha ampla manifestación convocada pola plataforma “Galiza non se vende”, da que forma parte Amigos da Terra.

En torno a 3000 persoas reuníronse na capital galega para chamar a atención aos partidos políticos que fan campaña para os comicios autonómicos do 1 de marzo, expresando a súa preocupación pola falta de sensibilidade en materia medioambiental e denunciando todos aqueles delitos ambientais que poñen en perigo o benestar dos galegos/as e que ano tras ano seguen sen solución.

Representantes de varios colectivos, leron un manifesto na Praza da Quintana, no que denunciaron as políticas “xordas e mudas” emprendidas ante a actual crise económica, ambiental e enerxética  á que nos enfrontamos e recriminaron ao bipartito a continuación das políticas implantadas polos anteriores gobernos baixo unha aparencia “supostamente progresista”.