Amigos da Terra, a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños, CEMMA (ADEGA, ANABAM, CES, Erva,Grupo Naturalista Hábitat, SGHN), Federación Ecoloxista Galega, FEG (ADEGA, ADENCO, APDR, Asemblea do Suído,CES, Coto do Frade, Guerrilleiros das Fragas, Grupo Naturalista Hábitat, Luita Verde, Mel, Asociación Ecoloxista Naturviva, Néboa, Niño do Azor, Oureol, Verdegaia, XEVALE) e a Sociedade Galega de Historia Natural, SGHN, envían as súas propostas “para un futuro sostible” ás formacións políticas candidatas ás vindeiras eleccións autonómicas de marzo.
“Un Programa pola Terra” recolle unha serie de propostas para que os diferentes partidos políticos as integren na súa acción de goberno ou de oposición durante a vindeira lexislatura.
O vindeiro 1 de marzo celebraranse eleccións autonómicas en Galicia. A Xunta de Galicia ten transferidas e recoñecidas amplas competencias para contribuír a acadar un futuro sostible para o noso país. A amplitude da crise ambiental global, encabezada polo cada vez máis perceptible cambio climático, a extenuación dos recursos naturais e o incremento das desigualdades sociais, é de tal magnitude que require un cambio gradual pero radical nas políticas desenvolvidas por tódalas Administracións e, particularmente, pola Xunta de Galicia.
O noso país contribúe a esta crise ambiental e é, cunha pegada ecolóxica moi elevada, un exemplo de insustentabilidade: arestora a poboación e o tecido socioeconómico galegos precisan dunha superficie do planeta equivalente a 5 “Galicias”.
Este documento contén doce propostas concretas, factibles e realistas, que permitirían a transformación que a actual crise ambiental require. Están baseadas en tres principios básicos:
– O actual modelo económico e social é inxusto e insostible.
– É necesario un compromiso de cambio de dimensións estratéxicas.
– Participación e transparencia non poden quedarse só en verbas.
12 PROPOSTAS POLA SUSTENTABILIDADE PARA A PRÓXIMA LEXISLATURA
1. Reducir as emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) de forma que en 2012 non superen nun 15% as de 1990.
2. Decrecer o consumo de enerxía e promover máis as renovables sen destruír o territorio.
3. Establecer unha moratoria na construción de novas autovías e autoestradas e redacción e aprobación dun Plano Integral de Transportes sustentable.
4. Aplicar unha política de ordenación do territorio que limite drasticamente o crecemento urbanístico e defenda a costa.
5. Defender a soberanía alimentaria e o equilibrio territorial para manter un mundo rural e mariñeiro vivos.
6. Parar a perda de diversidade biolóxica.
7. Implantar unha nova cultura da auga.
8. Pechar a incineradora de SOGAMA no 2017 e promover a redución e a reciclaxe dos residuos urbanos.
9. Avanzar na democracia participativa.
10. Fortalecer a cooperación internacional para o desenvolvemento sustentable.
11. Impulsar a contratación pública verde.
12. Facer unha reforma verde do sistema fiscal autonómico.
Podes consultar o documento completo aquí.