O 29 de decembro pasado publicouse no BOE a resolución pola que se formula Declaración de Impacto Ambiental (DIA) do estudo informativo da conexión da autovía A-57 coa rede arterial de Vigo ata o aeroporto de Peinador.

En decembro de 2007, Amigos da Terra presentou alegacións ao proxecto de construción de dito ramal por considerar que o mesmo supuña un grave atentado contra o rural de Redondela e a propia ría de Vigo.


Redondela
, neste caso, quedaría encravada nun illote de estradas e infraestruturas: por un lado a autovía A-57, por outro a construción das vías do tren de alta velocidade e, por último, pola estrada que une Redondela con Vigo pola costa. Isto suporía un grave e irreversible impacto ambiental, deixando espazos naturais protexidos como a Enseada de San Simón (Lugar de Importancia Comunitaria), ás expensas do presunto e moi cuestionable progreso proposto polas administracións.

Aínda que nesta Resolución non se informa de forma conveniente aos interesados, é dicir, todos aqueles que interpuxeron alegacións no prazo sinalado ao efecto, cabe a interposición do recurso de alzada que permite dirixirse á administración para que revise unha decisión administrativa previamente tomada.

Por outra banda, as correspondentes e oportunas contestacións ás alegacións presentadas, son inexistentes polo que existe un mandato derivado da ineficacia e estratexia administrativa, de mantér ao cidadán desinformado e, polo tanto, a obriga implícita de que este sexa o suficientemente dilixente e responsable de investigar pola súa conta, o que produce unha desprotección total por parte dos organismos públicos e competentes aos administrados.

Algúns dos elementos naturais que se poderán ver afectados total ou parcialmente coa construción da autovia son o Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) “Enseada de San Simón” e as “Gándaras de Budiño”, incluidos en Rede Natura 2000 e que, ademais, as normas galegas lle outorgan a catalogación de “Zonas de Especial Protección dos Valores Naturais” (ZEPVN).

Ante esta situación, a presentación do maior número de recursos conlevará a un maior estudo de alternativas máis sostibles ou, incluso, podería servir para a desaprobación absoluta do proxecto, tal e como solicitou Amigos da Terra dentro da Plataforma Cidadá Contra o Ramal da A-57 a Peinador.