Amigos da Terra, xunto ao resto da Federación de Amigos da Terra Internacional, súmase aos compañeiros de Amigos da Terra Palestina e ao pobo palestino na chamada ao Goberno de Israel para que deteña de forma inmediata os ataques, ocupación e illamento sobre Gaza e a masacre de persoas inocentes. Os ataques e a destrución, que comezaron o 27 de decembro de 2008, supón unha catástrofe humanitaria inaceptable.

As ofensivas foron indiscriminadas e brutalmente desproporcionadas. Vivendas, universidades, centros sanitarios e mesquitas palestinas foron destruídas. Asemade, deterioraron as fontes de auga e electricidade e danaron outros servizos esenciais, xa de por si danados durante os últimos dous anos, nos que os palestinos e palestinas de Gaza estiveron vivindo en estado de sitio co bloqueo de subministro de comida e combustible e o seu sistema sanitario sen o equipo e medicamentos básicos.

Amigos da Terra denuncia toda acción violenta e fai un chamamento ao alto ao lume inmediato. Así mesmo, pedimos o desmantelamento do muro do apartheid construído arredor dos Territorios Palestinos que está creando aínda maiores abusos sociais, ambientais e dos dereitos humanos, facendo a vida de palestinos e palestinas e demais habitantes dos territorios extremadamente complicada.

Pedimos o fin inmediato da agresión do Estado Israelí contra civís en Gaza e o fin de todo tipo de violencia contra civís en ambas as partes. Ademais, reclamamos o acceso de medicamentos e alimentos en Gaza. Esta destrución é unha profunda ferida na conciencia mundial e non pode continuar.

Pedimos ás sociedades de todo o mundo unirse á acción de paz e solidariedade e facemos un chamamento aos gobernos para que traballen por unha paz xusta e duradeira. Únete e asina á petición de alto ao lume inmediato en Gaza.

Desde Amigos da Terra apoiamos todas as manifestacións e actos que demostren a solidariedade por Palestina e denuncien a reacción de Israel. ¡Únete!