O pasado domingo 18 a asociación ourensá “Sem um Cam”, presentou o seu proxecto de Centro Social baseado nunha Cousateca e nun Comedor Popular, a través dunha festa anti-consumista onde a xente que ata alí se acercou puido disfrutar cos diferentes obradoiros, o curso de cocina con sobras, a música ao vivo e todo tipo de xogos populares. Amigos da Terra non faltou a esta cita e aportamos o noso gran de area coa realización dun obradoiro de cestería con papeis de xornal que foi todo un éxito.
“Sem um Cam” é un proxecto asociativo que intenta servir de espazo para ensaiar formas de relación social ao marxe do mercado e do diñeiro e, así mesmo, alimentar os valores da solidariedade, a participación social e a loita anticapitalista.
Neste senso, xorden dous proxectos: a Cousateca, unha biblioteca na que en vez de libros préstanse todo tipo de cousas e un Comedor Popular, co obxectivo de que o xantar se prepare e se disfrute en común, socializando as tarefas e ofrecendo á vez a posibilidade de coñecer todo tipo de pratos vexetarianos.
O centro social “Sem um Cam” abrirá as súas portas o vindeiro mes de febreiro na Rúa do Vilar en Ourense.