A Rede de Avogados para a Defensa Ambiental (RADA), da que forma parte a asesora xurídica de Amigos da Terra, presentou dúas denuncias pola vulneración dos dereitos de acceso á información e participación pública diante da Secretaria da Convención de Aarhus con sede en Xenebra, asi como á Comisión Europea. En xaneiro presentarán unha pregunta parlamentaria sobre o mesmo tema ao Parlamento Europeo.

Nos devanditos escritos, os avogados denuncian prácticas xeneralizadas que incumpren a Directiva 2003/4/CE e a Directiva 2003/35/CE, e o Convenio de Aarhus, por parte das Autoridades españolas, relativas aos dereitos de acceso á información, á participación pública e o acceso á xustiza en materia de medio ambiente.

As autoridades españolas están impedindo o exercicio dos devanditos dereitos tanto na aprobación de proxectos, plans e programas como na elaboración de normativas con incidencia ambiental.

A Rede denunciou exemplos de incumprimento como a denegación de copias en procedementos de participación pública para a aprobación de proxectos como o da Refineria Balboa ou o Proxecto Urbanístico Marina Illa de Valdecañas (ambos en Extremadura), ou a denegación de acceso á información en relación con expedientes tramitados pola Confederación Hidrográfica do Tajo, Concello Lozoyuela (Madrid), Concello de Mieres (Asturias), Concello de Sevilla, Concello de Ourense, Augas de Galicia, Xunta de Galicia, Junta de Andalucía…

Denuncian que se impide o dereito a participar na toma de decisións que afectan ao medio ambiente dunha forma real e eficaz e dende logo, cando todas as opcións son posibles, limitando o tempo para a consulta de expedientes e formulación de alegacións, omitindo o trámite de consulta previa, e non asesorando de forma proactiva ao público en relación cos dereitos e instrumentos legais de que dispoñen para exercer tales dereitos.

A falta de resposta a solicitudes de información ambiental ou ás abusivas taxas á hora de pedir copias dun proxecto, son tamén unha traba que impide o dereito de acceso á información.

A Rede de Avogados para a Defensa Ambiental (www.redabogadosdefensaambiental.es) creouse o mes pasado de outubro e entre as súas finalidades salienta a denuncia do incumprimento da lexislación ambiental.