Un xornal galego publicaba hoxe que nos montes de Salcedo e Figueirido, en Pontevedra, os veciños continúan denunciando a presenza de cabalos con trancas, feito prohibido e denunciado reiteradas veces por Amigos da Terra.

Só tres semanas despois de que a Consellería do Medio Rural anunciase a publicación do decreto (páxina 6 Dog) que vai regular a obriga dos propietarios de equinos a que estos estean identificados mediante  microchip ou transpondedor, reitéranse nos montes galegos as denuncias sobre cabalos con trancas ou cepos inmobilizadores causantes de graves doenzas e constituíntes dun ilícito por maltrato animal penado pola lei galega.

Coa publicación deste decreto, queda regulada a obriga dos titulares de gando extensivo en liberdade a ter identificado ao mesmo, polo que se pretende rematar con este tipo de condutas prohibidas e intolerables.

Fonte: Amigos da Terra. Maio 2008

Ata agora, o problema á hora de castigar e erradicar estes feitos era, segundo o Servizo de Protección da Natureza e a propia Fiscalía de Pontevedra, organismos receptores da gran maioría das denuncias interpostas por Amigos da Terra xunto á Dirección Xeral de Conservación da Natureza, a difícil ou imposible identificación dos propietarios, por canto os cabalos non levaban mecanismo identificador e os veciños non querían aportar datos sobre ditos propietarios.

Coa nova regulación da Consellería, espérase que todos os équidos queden identificados e se sancione rigorosamente a aqueles propietarios que continúen incorporando trancas ou cepos ás patas dos animais, tratando por fin, de erradicar esta acción ilegal e cruel.