
A asociación ecoloxista galega participará nestas xornadas que se celebran en Madrid, onde se ultimarán os preparativos para dar oficialidade á Rede de Avogados para a Defensa Medioambiental que traballará a nivel estatal
Esta Rede terá o seu segundo encontro en Madrid os vindeiros días 24 e 25 de outubro. A través dela preténdese crear un colectivo de avogados medioambientalistas que aúnen esforzos, compartan experiencias xurídicas e sirvan de canle de comunicación das denuncias que se fan contra as agresións ambientais de todo o estado español.
Amigos da Terra está convidada a participar por ser un dos grupos que integran a Rede. Ademais celebraranse unhas xornadas de dereito ambiental abertas á participación de toda a cidadanía na que se tratarán diversos temas dende as fiscalías ou as maxistraturas de xulgados e tribunais.

Esta segunda reunión ten a súa orixe na xuntanza que se levou a cabo en maio deste ano en Bruxelas, onde se detectou a necesidade por todos os participantes do encontro no Parlamento Europeo organizado polo eurodiputado de Los Verdes, David Hammerstein, de dar resposta a moitas das inquedanzas xurídico-ambientais que xorden a raíz da interposición de denuncias.
O amplo campo lexislativo que na actualidade existe sobre o medio ambiente e as diferentes normas das autonomías, do estado español e da Unión Europea, crean un entramado de difícil acceso e comprensión incluso para os propios xuristas.
Ademais, as administracións, tanto públicas como de xustiza teñen, asemade, un gran descoñecemento á hora de interpretar e aplicar a normativa ambiental, creando grandes baleiros e casos sen resolver cuio único resultado é a impunidade dunha agresión ao medio ambiente que, na maioría dos casos, produce unha situación irreversible.
É por iso, que este grupo de estudiosos da lexislación ambiental decidiu comezar a dar forma a esta rede de avogados para a defensa ambiental, que non so pretende ser un referente entre os propios xuristas, senon sobre todo, unha ferramenta para prestar asesoramento legal, formación e colaboración a aquelas organizacións non gubernamentais que o precisen.
Do mesmo modo e de forma paralela á Rede estatal, nace en Galicia un colectivo formado e creado por xuristas galegos cuio fin é o mesmo ca Rede estatal: servir como estrutura de apoio na labor de defensa xurídica dos intereses ambientais e das organizacións que os defenden, mediante a formación, o intercambio e posta en común de información e experiencias.