“Os automóbiles non votan, pero os políticos teñen pánico a provocarlles o menor disgusto”. (Eduardo Galeano)

Amigos da Terra súmase á campaña “Baixalle os fumes aos Coches”  xunto a outras organizacións de ámbito estatal. A campaña nace ante a nova votación en outono no Parlamento Europeo e polos Ministros de Medio Ambiente sobre a Directiva Europea sobre as emisións dos coches, vendo que a lexislación se alonxa dos obxetivos claros e ambiciosos iniciais cara medidas cada vez máis débiles e próximos aos intereses da industria do automóbil, produto da cesión ás presións exercidas pola mesma industria.

O transporte é actualmente responsable de máis dun cuarto das emisións de efecto invernadoiro. É ademais o sector máis dependente do petróleo e o que máis incrementou as súas emisións desde 1990. A Unión Europea leva traballando desde 1996 co obxectivo de limitar as emisións medias dos novos vehículos, a través da comercialización de vehículos máis eficientes e de menor consumo de combustible. Nunha primeira fase, mediante a adopción dun compromiso voluntario coa industria do automóbil a cumplir no 2008, e nunha segunda fase, ante o incumplimento do mesmo pola industria, coa aprobación dunha lexislación que obrigue aos fabricantes de automóbiles a construir coches máis eficientes.

As principais peticións dos cidadás e das Ong`s que participamos na campaña son:

–    Coches máis eficientes, é preciso votar por un límite de 120 gramos de CO2 emitidos por km percorrido para o ano 2012, significando asimesmo reducir un 25% as emisións actuais dos coches e polo tanto o seu consumo, e tamén o aforro de combustible de 1,5 litros por 100 km por coche  comparado co promedio actual. Pero para cumplir con isto, é preciso aplicar sancións realmente disuasorias a aquelas empresas que non o cumplan, por exemplo: non menos de 150 euros por gramo de CO2 sobre o límite e por vehículo para o 2012.

–    Non máis retrasos, non ceder ante a inaceptable presión da industria automovilística. Xa que coa actual proposta que se baralla no Parlamento Europeo estaríamos condeados a agardar ata o 2015 por coches máis eficientes…18 anos de agarda desde a primeira proposta da Comisión en materia.

–    Menos contaminación nas cidades, máis saúde para tod@s. Diminuir o consumo de gasolina e gasóleo dos coches significa tamén reducir as emisións de gases contaminantes e partículas que afectan gravemente a saúde.

–    Pensade no futuro e non no pasado, a industria conta con capacidade para asumir o reto de reducir as súas emisións dos coches porque é tecnicamente viable, pero os cidadáns si que non podemos seguir agardando medidas para a redución de emisións de GEI que xeran cambio climático e dos contaminantes que afectan á nosa saúde.

A lexislación que se pide, se se desenvolve de xeito eficaz somentes pode traer máis beneficios sociais, ambientais e económicos, salientando que un mundo máis xusto e ecolóxico só é posible imaxinalo se reducimos o número de kilómetros/persoa/ano, namentres o trasporte dependa directa e indirectamente de combustibles fósiles.

Amigos da Terra traballa en temas de mobilidade de xeito activo participando en diversas plataformas e movementos como a  Masa Crítica e Plataforma Galega Salva o Tren, entre outras.