O 8 de setembro de 1958 o goberno de Franco decretaba a desecación da Lagoa de Antela emprazada en Xinzo de Limia. A evaporación artificial de 40 quilómetros cadrados de patrimonio acuático, ecolóxico e mesmo arquitectónico, supuxo unha perda irreparable de flora, fauna e patrimonio cultural galegos.



Amigos da Terra
quere lembrar que de non levarse a cabo dita desecación artificial, hoxe a lagoa estaría protexida co máximo instrumento xurídico sobre humidais, o tratado internacional Ramsar que serve de marco para a acción nacional e internacional a prol da conservación e uso racional dos humidais e os seus recursos.


Lagoa de Antela no pasado

E é que os humidais teñen unha gran variedade de biótopos de transición entre os ambientes terrestre e acuático, polo que xogan un papel fundamental na conservación da biodiversidade e no desenvolvemento económico da zona onde se atopan. Son esenciais para o mantemento das poboacións de aves e outras especies de gran interese, ademais das súas funcións respecto ao ciclo ecolóxico.

Pero o certo é que a grave situación que fai 50 anos se provocou co proceso de desecación e canalización das augas da lagoa, non é un feito illado da comunidade autónoma galega. Numerosos espazos naturais protexidos dende un punto de vista legal, son agredidos e non respectados tanto dende o eido da administración, como por empresas e particulares nada concienciados co entorno ecolóxico e o seu valor.

Lagoa de Antela na actualidade

De feito, actualmente a zona de Xinzo de Limia segue sendo vítima dos pouco afortunados decretos parcelarios da Consellería do Medio Rural, xunto con numerosas queimas e talas que continúan a facerse ao longo da superficie desecada da lagoa mostrando a nula visión integral dos proxectos que se executan, tendo so en conta a rendibilidade económica sen prever as contraprestacións ambientais, referidas á biodiversidade, á auga, ao cambio climático e á protección dos valores naturais.

O intento frustrado da recuperación da lagoa de Antela no ano 2003 por parte da administración mediante un proceso de reinundación, é o resultado de querer subsanar un erro pasado e, nembargante, non recoñecer diversos erros que na actualidade se aproban dende os despachos institucionais e que na maioría dos casos van supor a desaparición de espazos ecolóxicos de gran importancia, non so no propio ecosistema senón tamén no potencial económico da zona, executando proxectos cuia rendibilidade económica é incompatible co respecto ao medio ambiente.