Burocracia,… ou algo máis fondo?

A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible acaba de desestimar a petición de Amigos da Terra de renovación no Rexistro de Entidades de Carácter Ambiental. Dito rexistro é o que lle outorga as organizacións ecoloxistas o recoñecemento público e lexítimo dunha actividade, neste caso a prol do medio ambiente.

 Amigos da Terra, con máis de dez anos de actividade en Galicia, forma parte dunha das redes ecoloxistas internacionais máis estendidas, lonxevas e recoñecidas de todo o mundo; con máis de un millón de socios/as, cunha alta capacidade de interlocución cos gobernos nacionais, con rango de observadora dos tratados internacionais máis importantes, cun status de organización consultora da o­nU, como representantes na Comisión Estatal de Comunicación i Educación da Biodiversidade, e como representante no Consello Asesor de Medio Ambiente do Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Mariño, e con máis de 20 convenios asinados e aproximadamente 300 proxectos executados ca Administración Galega. Con este brevísimo resumo das actuacións da entidade, dende a Consellería de Medio Ambiente comunicase que a organización Amigos da Terra non pode ser inscrita no rexistro público de entidade de carácter ambiental, porque segundo dita Consellería dentro dos nosos fins non está claro a defensa do medio ambiente.

Non será acaso que molesta o feito de ser unha organización que se ten caracterizado polo seu carácter libre, independente, apartidista, crítica, e sobre todo non dócil? Non será, máis ben, que no fondo ó poder intenta eliminar o que non pode controlar e polo tanto resultan molestos os axentes sociais independentes e queren excluírnos para que non sigamos a desenvolver nosas actividade con espírito crítico na defensa do medio ambiente?

Pódese xustificar de moitas maneiras, pero parécenos un grave e intolerable atropelo á  traxectoria da organización, que supón unha merma dos nosos dereitos, ademais de limitarnos ó acceso a recursos públicos para desenvolver a nosa labor. Unha vez máis queda clara a incompetencia e falta de coñecemento do ámbito ambiental e os seus axentes sociais por parte dos funcionarios e, ase mesmo, o pouco criterio ou cando menos o pouco coidadoso dos responsables asinantes do rexistro.

Desde Amigos da Terra esiximos unha rectificación inmediata a este atropelo absolutamente vergoñento, inxustificado e sen precedentes.