O deseño das plantacións, así como a falta de integración dos aspectos de conservación de hábitat e especies dentro do seu modelo de xestión, entre as razóns da suspensión do certificado FSC.

O movemento ecoloxista español recibe con satisfacción a suspensión do certificado forestal FSC ás plantacións das empresas Norfor e Silvasur, ambas do Grupo ENCE, grupo empresarial dedicado á fabricación de pasta e papel a partir de fibra de eucalipto.

A suspensión do certificado foi debida á falta de cumprimento dos estándares españois do FSC.

A noticia foi moi ben acollida polas organizacións ecoloxistas Amigos da Terra, Verdegaia, Coordinadora Ecoloxista de Asturies, ARCA (Cantabria),Ecoloxistas en Acción, WWF/Adena e Greenpeace, algunhas das cales utilizou nos últimos anos os mecanismos de reclamación do sistema FSC para facer chegar a esta institución que a xestión de ambas empresas tiña aínda moitos aspectos que mellorar.

Norfor e Silvasur son propietarias de algo máis de 80.000 hectáreas de plantacións, principalmente de eucalipto, en Andalucía, Galicia, Asturias e Cantabria.

Desde outubro de 2004 ditas plantacións dispoñían do certificado FSC. No caso de Norfor, a empresa posúe 442 hectáreas (274 cubertas de eucalipto) dentro de espazos de valor ambiental incluídos na Rede Natura en Galicia e Asturias. A suspensión do certificado FSC á empresa Norfor está xustificada polo deficiente coñecemento que ten a empresa respecto aos valores ambientais (flora, fauna, solos, etc.) no interior destes espazos protexidos e a falta de adaptación da xestión forestal a estes valores.

Aspectos relacionados coa conservación dos solos, a diversidade das plantacións e as relacións desta empresa coa sociedade recibiron tamén un suspenso por parte de FSC.