
Amigos da Terra leva tempo na loita pola supresión do valado cinexético que pecha case 800 hectáreas de bidueiros e flora variada, fauna, ríos… que se atopan en Montederramo, no Macizo Central ourensano.
Unha singular paraxe ecolóxica da Galicia central que está protexida legalmente pola Directiva Hábitats e pronto nomeado, o Macizo Central, Parque Natural, segundo declaracións do Conselleiro de Medio Ambiente, Pachi Vázquez.
A Consellería de Medio Ambiente anunciara o derribo do cercado en maio do 2007.
Fonte: Amigos da Terra. 1 de xuño de 2008. Bidueiral de Montederramo

Despois das xestións acordadas entre esta Consellería e a empresa privada explotadora do coto de caza, quedaba conveniado o levantamento do citado cercado por considerar que se estaban causando prexuízos a unha zona de alto valor ecolóxico nomeada “Lugar de Importancia Comunitaria”.

Ademais, a Consellería se comprometía ao acondicionamento do lugar e ao intento da restauración do mesmo ao seu estado orixinario.

Debido á reiterada postura de inactividade administrativa, Amigos da Terra e os Ecovixías saen ao monte destino Bidueiral de Montederramo para denunciar coas súas voces e a súa presenza unha situación irregular administrativamente, ilegal segundo a normativa europea e inxusta para o entorno natural, ecolóxico e paisaxístico do lugar.
Os Ecovixías compartiron ademais, os camiños cara ao Bidueiral cun grupo de sendeiristas do concello de Narón que quedaron abraiados ante as espectaculares serras e as súas cores e sons.

Mentres tanto, a fauna continua estando pechada nun recinto autorizado polo anterior goberno autonómico baixo unhas condicións manifestamente irregulares e que implican un grave prexuízo, tanto para o entorno natural, flora e fauna, como tamén para os propios veciños que xa amosaran a súa oposición ao coto de caza e ao valado.

Amigos da Terra convida a reflexionar á Consellería de Medio Ambiente se é esta a política ambiental da que quere facer alarde ao longo do que resta da súa lexislatura.

A desatención política e a lentitude burocrática continuan a ser, no país galego, o inimigo de primeira man co que se atopa o medio ambiente e, por elo, a cidadanía temos o deber de apremiar á Administración no bo quefacer na súa xornada laboral diaria.