Hoxe abre o prazo de inscrición para o curso na Universidade de Vigo “Escola de sustentabilidade e cidadanía global. Mulleres bravas defensoras da terra” organizado pola Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación en colaboración con Enxeñería Sen Fronteiras Galicia e Amigos da Terra.
Con este curso queremos dar a coñecer os impactos e alternativas do extractivismo en Galicia e noutras zonas do mundo, onde algunhas das sesións serán encontros que se realizarán aproveitando as visitas de mulleres activistas de Honduras. A través da súa testemuña visibilizarase o papel das mulleres na defensa da terra e na promoción de alternativas produtivas baseadas na economía social.
Conta cunha duración total de 30 horas en formato mixto, presencial e virtual, xunto cun traballo individual en paralelo, elaborando contidos que se empregarán como material comunicativo para o deseño dunha campaña no marco do proxecto Mulleres Bravas financiado por Cooperación Galega.
As persoas matriculadas no curso tamén terán a posibilidade de participar nun encontro-convivencia a fin de semana do 2 ao 3 de abril con activistas galegas e 3 das mulleres hondureñas, así como co alumnado dun curso similar que se desenvolverá na Universidade de Santiago de Compostela. Pode haber a posibilidade de bolsas de transporte e aloxamento para as persoas interesadas.
Podes acceder ao programa completo así como a matrícula no seguinte enlace>> da UVigo.